O VigoJUG


¿Outro meetup en Vigo? ¿JVM?

O grupo de usuarios JVM de Vigo (ou VigoJUG) naceu na cidade en vista do enorme éxito acadado por outros grupos de tecnoloxía. É claro que o tema interesa e moitos dos participantes nun grupo participan nos outros. O obxectivo dos diferentes meetups son moi similares e hai moi bo rollo. É por iso que se daba unha situación un tanto estraña: algúns do que participamos en meetups de PHP, Python ou JS, usamos no noso dia a día tecnoloxías basadas na JVM (Java, Scala, etc.) polo que había temas interesantes que ou non se trataban ou se facía pero sempre con certa sensación de "culpa" por facelo nun grupo dunha temática diferente.

No dia a dia de moitas empresas da cidade úsase a JVM. Java é a linguaxe de programación máis usada segundo o tiobe, normalmente debido o tirón de moitas empresas. Poderíamos dicir que é a linguaxe de facto no mundo empresarial cando falamos de grandes empresas. Sendo Vigo unha cidade empresarial, botábamos en falta que houbera unha representación máis oficial desta linguaxe.

Finalmente, algúns poden argumentar que Java xa é moi vello, que non merece a pena facer un grupo de usuarios... O tema é discutible pero en calquera caso, hai novas linguaxes que se executan na máquina virtual de Java e as que tamén teñen cabida no grupo: Groovy, Scala e Kotlin son un bo exemplo de proxectos nos que merece a pena investir algo de tempo. Tamén outros menos coñecidos coma Jython ou Clojure.

A visión do VigoJUG

Queremos facer un grupo que dinamice a presencia de empresas locais nos meetups. A idea é que as empresas teñan un foro para ensinar o que fan utilizando estas linguaxes de programación e que tamén sirva de medio de comunicación cos profesionais e afeccionados. Tamén darlles un espazo para darse a coñecer (unha especie de glosario na web). O obxectivo é axudar a crear un ecosistema que traia máis traballo e innovación a cidade.

Por outro lado, gustaríanos tamén a axudar os mozos e mozas da cidade a coller o gusto pola programación. Durante moito tempo ser un programador viuse coma algo raro, un friki. É certo que a programación é algo vocacional e que require dunha aprendizaxe continua. Pero o mesmo tempo, é unha profesión en alza, con mellores soldos e que foi mellorando moito nos últimos anos: unha saída laboral moi digna e, moitas veces, de calidade.

Por último, o obxectivo máis importante: todo o que fagamos ten que ser divertido :-)

As actividades

A nosa idea é facer unha charla duns corenta e cinco minutos o primeiro martes de cada mes. Serán un bo escaparate para as empresas locais, para que podamos coñecer o que fan. Este meetup mensual será o fío condutor do grupo e o que garanta a sua continuidade.

Se non hai charlas, tentaremos meter outras actividades coma charlas cortas, facer unhas katas de programación, una sesión de "Java puzzlers" ou algo así, máis dinámico.

Ademais diso, trataremos de facer workshops (o terceiro martes de cada mes), hackathones, clubes de lectura... o que se nos vaia ocorrendo. Se queres colaborar, sexa unha empresa ou individuo, manda un correo a organizers@vigojug.org.

Aclarar que os organizadores do grupo non receben ningunha prestación, adican o seu tempo (e nalgún caso cartos) sen recibir nada material a cambio.


Última actualización: 28/02/2017

Colaboradores